Posts Tagged ‘guinda’

Tarta de cereixa e améndoa

Wednesday, July 15th, 2009

Aclaración: pode que recibas esta entrada dúas veces, pero o servidor onde se aloxa este blog cascou e se perdeu esta entrada. Por sorte, a cache de Google permitiume recuperar o que escribira :)

Estes dous sabores mesturados lémbranme a Holland Park Avenue, cando probei por primeira vez esta tarta, da que gostei moito. A améndoa e as cereixas, aínda que doces, teñen un toque amargo que combinado fan doces merecedores da mesa do Tropicalista máis orgulloso.

Tarta de cereixa e améndoas

Nas vacacións, cando eramos cativos, a mesa do porche enchíase de cuncas con auga fresca e cereixas. A miña irmá Uxía e mais eu pendurabamos os acios das orellas, a modo de pendentes, sen que os meus pais dixeran nada por este xogo tan pouco masculino (tampouco agora se escandalizan cando Roi, o seu neto, lles pide unha cociña como agasallo de Reis). Os recordos da calor, o son repetitivo do aspersor que o meu pai prendía durante o xantar e as cereixas frescas contra a pel son recordos que fan que siga gostando da froita tal cal, aínda que de vez en cando goste de probar receitas como esta tarta.

Ingredientes
- Masa quebrada
- Cereixas sen carabuña
Para a crema de améndoas:
- 65 gr de manteiga
- 85 gr de azucre glass
- 5 gr de maicena
- 85 gr de améndoa moída
- 1 ovo
- 100 ml de nata agria.

1) Forneamos a masa a 180ºC durante 18 minutos.

2) Mentras, nun recipiente grande, traballamos a manteiga en anacos, suavemente.

3) Mesturamos ben azucre, maicena e améndoas e engadimos á manteiga. Remexemos até ter unha masa homoxénea.

4) Engadimos o ovo e volvemos mesturar ben.

5) Engadimos a nata agria e remexemos até que se incorpore completamente. Tapamos e reservamos na neveira.

6) Sacamos a masa do forno e, cando estea morna, botamos a crema. Colocamos as cereixas enriba.

7) Forneamos a tarta durante media hora a 180ºC. Sacamos do forno e deixamos enfriar.

Grazas a Colineta entereime que antigamente as primeiras cereixas comíanse polo San Xoán. Aínda que estas foran cociñadas, fixeron boa compaña ás sardiñas e ás tortillas de tres casas distintas.