Afganistán: lasaña

Cando un dos meus fillos usou unha culler con restos de pasta para comer un iogur e ficou encantado coa mestura, tiven claro cal sería a vindeira receita: este clásico afgano feito de camadas de pasta, iogur e mollo de carne.

A receita non ten máis truco que dourar ben a cebola para que o mollo colla cor, unha técnica habitual nun país pobre onde supoño que as especias que serven para dar cor á comida —como o azafrán ou a cúrcuma— so as hai nas cociñas dos oligarcas. Gosto destas receitas porque hai que se esforzar por tirarlle todo o partido a poucos ingredientes. A mestura de iogur e pasta é habitual en varios países e agora é habitual que a use na casa.

Ingredientes

* 2 cebolas picadas
* medio kilo de carne de cordeiro ou terneira picada
* Unha culleradiña de coentros moídos
* Un vaso de auga

* 3 igoures naturais
* Medio dente de allo esmagado

* Aceite de sabor neutro (cacahuete, millo) ou de oliva suave
* Menta seca
* Pasta cocida

Douramos moi ben a cebola a lume forte e engadimos a carne picada, que tamén deixamos dourar.

Botamos os coentros, auga e sal. Deixamos cocer durante 15 minutos até que o mollo espese.

Escorremos o soro dos iogures colocándoos sobre un coador. Deixamos así unha hora. Logo mesturamos o allo esmagado e sal.

Nunha prata poñemos camadas de iogur, pasta, iogur, mollo de carne condimentado cun chisquiño de menta seca, pasta, iogur e rematamos co mollo de carne. Xa so queda comelo. Bo proveito.

Leave a Reply