Afganistán: garavanzos con menta

Se unha nave de marcianos aterrara nun evento para modernos onde se servira comida, concluirían que “street food” é unha congregación de individuos que fai cola diante de furgonetas aparcadas no interior dun recinto. Según estas observacións, o ser humano precisaría dous alimentos básicos para manterse con vida: a maionesa de kimchi e o pulled pork. Tamén estarían seguros de que ese obxecto rectangular que collen cada medio minuto cumpliría algunha función orgánica fundamental. No idioma dos terrícolas, street significaría festival ou evento e food, pose.

Se estes exploradores do espazo tiveran ido un domingo á Cañiza e deixado a súa astronave aparcada enriba do Xatome, o street food sería unha muller desmembrando bichos de oito patas para goce dos parroquianos; se foran a Kabul, verían postos ambulantes servindo cousas como estes garavanzos aliñados (iso di Helen Saberi no seu libro Noshe Djan).

Ingredientes:

* Garavanzos cocidos
* Menta fresca picada
* Sal
* Vinagre
* Malagueta ou outro pemento seco picante.

Condimentamos os garavanzos cocidos cunha cullerada de vinagre, dúas culleradas de menta, sal e malagueta. Simple, mais muito saboroso.

Tags:

Leave a Reply