Seguinte parada: Afganistán

Sigo rumbo a Oriente e deixo Irán para pasar a Afganistán. Digo deixo, pero hai que tomar o significado da palabra con moita lixeireza porque seguramente non haxa cambios abrutos entre as dúas beiras da fronteira. Algo así como ir de Salvaterra a Monção e beber alvarinho e non alvariño. Pero si, cruzo a raia para pasar ao país que fixon de estado tampón entre Rusia e o Raj Británico durante O grande xogo e comprobar que moitos pratos son prácticamente iguais entre os dous países. Isto no oeste. Do outro lado, as qormas, pakhaura e ketcheree miran xa cara á India.

A Afganistán so o vin de lonxe no 2008, mentras o avión que me levaba de Londres a Singapur sobrevoaba o Hindu Kush. Todo era marrón ou branco e, aínda que non se vía verde, seica os seus vales poden ser moi fértiles grazas a auga do desxeo. Iso di Heln Saberi, autora do libro Noshe Djan, Afghan Food & Cookery, unha das miñas mellores compras do último ano. Esta diplomática británica vivíu oito anos en Afganistán, casou cun afgano e aprendeu a cociñar coa súa sogra e cuñada.

Escrito cando aínda existía a Unión Soviética, ten un deseño sinxelo sen fotografías, pero con moitas explicacións sobre costumes do país e unhas ilustracións moi bonitas de picnics á beira dun río, postos ambulantes de comida ou da cerimonia do lavado de mans. Hai receitas tan sinxelas que moitos editores hoxe considerarían un chiste incluílas nun libro de cociña. Outras deben de ser tan de portas para adentro que unha pesquisa no Google non aclara moito sobre o prato (imaxino a un veciño de Kandahar tentando facer faragullos coa axuda da pesquisa “faragullos recipe”). Ben escrito e sen trucos orientalizantes, é un libro que paga a pena ter no biblioteca e a min vai facer que bote un tempo experimentando coa cociña afgana.

 

Tags:

Leave a Reply