Irán: as papas de Zaratustra (samanú)

Despídome de Irán cunhas papas zoroastrianas. Cómense durante o Nowruz, o Aninovo persa e disque celebran o nacemento porque se fan con trigo xerminado. Ademáis, non precisan azucre porque as enzimas do trigo adozan as papas, un feito que debía parecer un miragre.

Os seus dous ingredientes e o meu esencialismo culinario casan ben, aínda que estou convencido de que é deses pratos que non viaxan ben e o resultado será un engrudo sen demasiada chispa. Seguramente en Isfahan sexa algo marabilloso.

Ingredientes

* 1 kilo de trigo en gran
* 1 kilo de fariña triga

1. Xermina o trigo deixándoo envolto en panos bastante húmedos durante dous ou tres días. Bota auga se ves que fican secos.

2. Cando o trigo teña raíces de entre 1 e 2 cm, pasa a unha pota, bota 1 litro de auga a ferver e bate concienzudamente até obter unha pasta.

3. Pasa a pasta a unha gasa e sáqualle todo o líquido que poidas.

4. Mestura este líquido coa fariña e outro litro de auga. Remexe cunhas variñas até que comece a ferver

5. Baixa o lume ao mínimo, tapa e deixa cociñar durante 8 horas. Remexe de vez en cando.

6. Na última media hora, bota unhas améndoas nas papas e pide un desexo. Espera a que estean moras.

Tags:

Leave a Reply