Ameixas con nata

Se pensas que o txangurro á donostiarra é estragar unha centola, non leas máis porque esta entrada trata dalgo aínda máis estraño para a túa ortodoxia: o New England Clam Chowder, un guisote de Nova Inglaterra feito con ameixas, patacas, manteiga e nata.

Sei do prato desde hai anos, pero como nunca estivera en Estados Unidos querendo coñecer a fondo a súa cociña tradicional, non foi até o pasado San Valentín onde decidimos pedilo como entrante. Fiquei enganchado e ao pouco tempo, na seguinte visita aos Loureda en Stamford, collín ao seu fillo Aníbal como pinche para facela na súa casa aproveitando unha cociña ampla e luminosa e un supermercado onde mercar unhas ameixas marabillosas, aínda que, curiosamente, en todas as receitas das miñas dúas fontes habituais (Epicurious e Allrecipes) sempre as usan en conserva. Diante do mostrador da peixería, non o dubidei e pedín un par de ducías de cherrystones, as ameixas locais.

A receita é moi sinxela: refogas en manteiga unha cebola e un pouco de apio picado, engades dúas patacas cortadas en cubos, unha cunca de nata e o líquido que solten as ameixas ao abrilas ao vapor. Cando a pataca estea cocida —tras uns 20 minutos— botas as ameixas picadas grosas, serves en cuncas e acompañas con crackers. Estaba estupenda, pero teño que recoñecer que, cando vin que iamos curtos de ameixas, baixei de novo ao súper e collín un bote delas para aforrar tempo. Non moitas, pero si abondo como para quedar coa dúbida de como saberá cando estea feita so con produto fresco.

A New England clam chowder é unha sopa moi reconfortante co frío (non sei como sentará nun día de verán) e o salgado do mar rebaixa a gordura da manteiga e a nata para que non resulte pesada nin empalagosa. En Manhattan teñen un estilo de seu, cunha base de tomate e verduras no canto de nata. María e mais eu sempre as pedimos a pares para comparar, aínda que polo de agora non teñamos atopado unha Manhattan Clam Chowder con gracia. E respecto a isto, non confío nin na temporada de tomates para atopar unha decente: ou vaste aos mellores restaurantes da cidade, dos de $200 por comensal, ou esqueces calquera cousa similar a un tomate de verdade. E, sinceiramente, por eses cartos, prefiro pagar 100 hot dogs no Gray’s Papaya que dous pratos, viño e postre nun restaurante de postín.

One Response to “Ameixas con nata”

  1. diego Says:

    Moi boa si non estas a dieta!!!