Montaña e calorías

Encántame a montaña. Tanto que no 99-00 marchei seis meses a facer o domingueiro a Andorra. E o meu domingueirismo é directamente proporcional á fascinación que me producen os cumios nevados. Esta combinación, que requiere de compañeiros de aventuras que manteñan o nivel, deu lugar a xantares de altura cando, por fin, coñezo a Isaac (o das melenas na fotografía da cabeceira) ao marchar a vivir a Granada.

Isaac foi o meu compañeiro de neve durante tres tempadas. Os dous tiñamos bandullo, ambicións comedidas e apetito saudábel. O que queimabamos subindo, recuperabámolo no xantar previo á baixada. Salmorejo, croquetas, caldo de puchero, empanada, lasaña, tarta de mazá… todo cabía nunha mochila que nacera con vocación de despensa. Os MTL (montañeiros de toda la vida) ollaban para nós cunha mestura de desprezo e envexa.

Pero marchei de Granada e pendurei os esquís. Durante anos renuncie ás subidas, ás baixadas e ás comidas ate que, coa ocasión de ir á defensa de tese na UGR do meu amigo Óscar, me atopei cunha Sierra Nevada cuberta de neve baixo o ceo claro do Sur —Sierra Nevada, a serra dos topónimos luminosos: Monachil, El Caballo, La Ragua, Tajos de la Virgen, Río Dílar, Barranco de Poqueira…— que tirou de nolos dous para ir desfrutar dun día de esquí.

Había que coller folgos, tiñamos saladillas de Alfacar e Cheddar e montamos estas torradas.

Ingredientes:
* bo pan
* Cheddar curado
* cervexa
* Mollo Perrins
* Pementa

Pasos:
1- Cortar unhas fatias grosas de pan.
2- Botar o queixo, cortado en anacos, un pouco de cervexa, o mollo Perrins e a pementa.
3- Meter ao forno quente até que o queixo faga burbullas.

O queixo fundido faime pensar en altas montañas. Será que fun vaca alpina nunha vida anterior.

Esta torrada ter, terá calorías. O que si podo asegurar é que non evita as maniotas.

2 Responses to “Montaña e calorías”

  1. Maria Quintas Says:

    Haberá que darlle o teu consello culinario á nosa amiga Conchi para súa próxima excursión.

  2. Rodrigao Says:

    Si, aos Dolomitas… menudo morro. Eu quedarei, polo de agora, quedarei por San Isidro.