Chanclas, bañador e leite merengado

Cando visitaba o sur-sur coñecín o leite merengado, unha larpeirada que horrorizaría ao Dr. Camacho. Non sei cales son os efectos nocivos do leite, azucre, sal, canela, vainilla e limón, pero si os beneficios: un vaso fresquiño nunha mañá de calor abafante arráncame un sorriso por sombrío que teña o ánimo.

E se James Bond tomaba martinis con esmoquin branco, eu tomo leite merengado con chanclas e bañador neste clima subtropical da Ría de Vigo.

Ingredientes
- 1 litro de leite de verdade (de cartón non, que está morto)
- 1/2 baíña de vainilla
- 1 pau de canela e unha cullerada de canela en po
- a pel dun limón pequeno
- azucre ao gusto
- un chisco de sal

1- Cortamos a baíña de vainilla pola metade. Separamos as sementes cun coitelo.
2- Quencemos unha cunca de leite xunto coa canela, pel de limón e vainilla.
3- Tapamos e deixamos repousar 1 hora.
4- Coamos e mesturamos co resto do leite. Engadimos azucre, axitamos e probamos.
5- Cando estea ao noso gusto, botamos un chisco de sal e a canela en po
6- Enfríamos ben. Metemos no conxelador un vaso, onde deitaremos o leite ao día seguinte.

2 Responses to “Chanclas, bañador e leite merengado”

  1. www.recetasparatontos.com Says:

    Boas! Acabo de coñecerte a través de El Comidista. Noraboa polo teu blog. Invítote a que pases polo meu, sería unha honra para min, jeje. Un saúdo desde Foz!

  2. Rodrigao Says:

    Moitas grazas. Convite aceptado, por suposto.

    p.d. na Mariña haiche cousas moi interesantes… coma este vídeo: http://www.pormisfogones.eu/?p=145

Leave a Reply