O mellor okonomiyaki do mundo

Hai uns anos (xa?) Maki e Xulio convidárannos a Ernesto e a min a comer na súa casa. O que comezara cunhas cañas nun mercado do sur de Madrid, rematou nunha comida memorable. Aquel okonomiyaki, naquela casa, somente podía acontecer naquela fin de semana horrible.

A pasada fin de semana fíxeno por primeira vez, seguindo a receita de Okonomiyaki World, pero sei que o de Maki é irrepetíbel.

Ingredientes para catro persoas
- 4 cuncas de repolo cortado fino
- 1 cunca de fariña
- 2/3 cunca de auga
- 2 ovos
- 2 ceboletas
- 1/4 cunca de tenkasu (facémolo fritindo masa de rebozado, feita con fariña e auga moi fría)
- 1/2 cunca de calamares en tiras
- 1/3 cunca de bacon
- Mollo tonkatsu (podemos facelo mesturando 3 culleradas de ketchup, 1 de mollo Worcestershire e 1 culleradiña de mollo de soia)
- Maionesa
- Flocos de alga nori.

1) Mesturamos auga e fariña.

2) Pasamos lixeiramente os calamares pola tixola.

3) Engadimos á masa de fariña e auga as ceboletas picadas, repolo, ovos e tenkasu; mesturamos lixeiramente. Engadimos os calamares.

4) Quencemos unha prancha ou tixola a lume medio-alto e facemos unhas tortas non moi gordas. Deixamos 3 minutos.

5) Botamos un pouco de bacon na cara que está crúa, presionámolo lixeiramente e damos a volta ás tortas. Cociñamos outros tres minutos.

6) Deixamos un par de minutos máis e sacamos ao prato. Botamos maionesa, mollo tonkatsu e alga nori en flocos.

Maki botáralle katsuobushi, algo similar á mojama, que non sei se valería coma substituto; pero por probar, que non quede.

Grazas a Maki, Xulio e Ernesto; e a Silvia e Ramón por darme a escusa para comer de novo okonomiyaki.

3 Responses to “O mellor okonomiyaki do mundo”

  1. Silvia Says:

    Excelente Rodrigo!

    Os animo a todos a que sigáis esta receta. A Rodrigo le invito a que venga a casa cuando quiera a cocinar lo que le apetezca.

  2. María Says:

    Un prato sorprendente. Nós so podemos decir que nos prestamos de novo a exercer de comensáis!!!

  3. Rodrigao Says:

    Silvia, María: contade comigo para calquera experimento! eu propoño xornada de sandwiches neoiorquinos, con pastrami, chucrut e pepinillos!