Archive for April, 2018

Fesedjan, unha pepitoria persa

Saturday, April 14th, 2018

Desde Acerbaixán, collo rumbo sur e cruzo a Irán. A receita escollida é unha das máis representativas do país e parécese moito á pepitoria que facía a miña avoa. Os únicos cambios son espesar o prebe con noces no canto de améndoas e engadir xarope de granada. Os persas sonche moito de botar froita nos guisotes.

Cruzado o Padornelo, a variedade na cociña semella decrecer exponencialmente coa distancia e de Albania para alá todos comén igual. Esta é unha lei universal que se aplica a calquera lugar do mundo: sería difícil de convencer a un fulano de Pekín de que un ragú napolitano é distinto da carne asada coruñesa, nin creo que soubese diferenciar uns rixóns dunhas rilettes. O problema é que deixamos de apreciar matices a medida que nos alonxamos da nosa contorna e todo pasa a se descreber con brocha gorda. Non sei se esta será a causa de tanto libro de cociña espectáculo onde cómpre esaxerar as diferencias para vender exotismo. Eu encontro moito máis divertidas e sorprendentes as semellanzas (se coñeces a algún oventese, dille que a carne gobernada en Acerbaixán chámase govurma), como a receita de hoxe. Seguro que á miña avoa gostaba dela.

Ingredientes

* Un polo cortado en anacos
* Manteiga, manteca cocida ou aceite fino
* Un vaso cheo de noces
* 1 cebola grande
* Xarope de granada ou mosto de uva reducido cun pouco zume de limón
* Sal

1. Doura a lume medio o polo. Ten paciencia e dalle tempo. A cor final do guiso depende deste primeiro paso e, se non douras o polo, acabarás con anacos de carne pálida non mollo marrón escuro.

2. Mentras tanto, pica a cebola (uu, como explico no vídeo, paso pola túrmix porque os meus dous xemelgos obríganme a coller atallos) e as noces. Para picar noces eu uso esta picadora de Lacor. Tamén podes esmagalas.

3. Cando a carne teña unha bonita cor, engade as cebolas, remexe cada pouco e deixa que collan cor. Engade auga, as noces e deixa estufar durante uns 30-45 minutos.

4. Engade o xarope de granada, que podes facer reducindo zume de granada ou mosto de uva (se usas este último terás que engadir un chisco de zume de limón) ou compralo en Amazon (se coñeces algunha tenda onde atopalo, por favor, déixame as indicacións nun comentario).

5. Deixa que os sabores se mesturen e serve. Un arroz ao vapor e un encurtidos ou salada son un acompañamento excelente.