Archive for February, 2014

New York Cheesecake

Wednesday, February 19th, 2014

Encántame este país. Non entendo a xenreira que esperta en Europa, especialmente na esquerda. Un páis non mantén a súa supremacía económica, política e cultural durante máis dun século porque fora bendecida por Deus, senon porque existe unha sociedade dinámica onde os individuos poden desenvolverse sen o lastre das tradicións ou o peso dun estado abafante. En cidades como Nova York acabaste por contaxiar dun espíritu que anima a probar cousas, a botarse a andar. Eu, como son moi caseiro, fíxeno cociñando un cheesecake nunha slow cooker.

A receita é simples: facemos unha base con galletas Graham Crackers, manteiga derretida e azucre. Mesturamos ben 250 g de queixo de untar, 3/4 cunca de azucre, unha cullerada xenerosa de fariña e zume de medio limón. Engadimos un ovo e remexemos. Repetimos con outro ovo e rematamos cunha xema e unha pinga de esencia de vainilla. Metemos no forno a 180º até que estea case cocida, nese momento onde o centro da tarta aínda treme un pouco cando se move (unha hora, máis ou menos, no forno, tres horas nunha crockpot).

A gastonomía local

A cociña de Nova York é a suma de tantas cociñas como existen no mundo. E esta suma é algo máis que o conxunto de elementos individuais. Unha natureza nova, un espazo reducido e o fornicio interracial crearon pratos únicos e xenuinamente neoyorkinos, como o pastrami ou o Manhattan Clam Chowder. Ademáis, como no Novo Mundo gostan de ser resolutivos e non teñen tantos complexos coma nós, improvisan receitas xeniais cando hai que atender un pedido e a cociña non está preparada. Os Egg Benedict ou o sandwich reuben inventáronse grazas a clientes comendo a deshora.

Eu diría que a comida aquí, e no resto do país, ten sabores sinxelos porque coa produción e distribución de alimentos a gran escala os alimentos perden calidade e é preciso enmascaralo con graxas e azúcares. Boto en falla os sabores máis simples e frescos dunha boa sardiña ou unhas patacas xeitosas pero no canto de protestar e dicir que como en Galicia non se come coma en ningures (mentira cochina, btw), voume tomar estes meses coma unha festa e desfrutar deste Disneyland culinario. O bandullo paga a pena.

Lentellas vermellas

Friday, February 7th, 2014

Teño o privilexio de desfrutar de Nova York a un ritmo pausado. O traballo está a resultar máis caótico do que pensara e vou precisar varios meses para rematalo, pero o director non presiona moito e semella confiado.

Este é un pequeno resumo do acontecido nas primeiras dúas semanas.

Bagels en Russ&Daughters

Visitei esta tenda de Hudson St, en Lower Manhattan, que disque ten os mellores salmóns afumados da cidade. Está moi perto do Katz’s e do Yonah Schimmel Knish Bakery. Se tes moita fame, é o lugar perfecto para facer un microtour gastronómico xudeo.

Baked Preztel en Grand Central

Comín un destes lazos de masa salgada mentras observaba á xente en Grand Central Station. Pouco teño que contar da experiencia. Paga a pena. É tan da cidade.

Bruch. Bloody Bloody Mary

Diego, un amigo da facultade, leva xa uns anos en Stamford. O meu primeiro domingo na city quedamos para tomar algo cuns amigos seus. Xuntámonos tres galegos, un mexicano e unha americana nun restaurante que servía un brunch con “all you can drink from 12:00 to 15:00”. As opcións eran os Bloody Mary ou bebida con pinta de refresco…

Onde dis que estivemos despois?

Laundromat

Cando se me acabou a roupa limpa fixen iso que temos visto tantas veces en series de televisión e películas: ir á lavandería e esperar pacientemente a que remate a colada. Levei un libro que me pareceu axeitado (“Del buen uso de la lentitud”), aínda que coa novidade adiqueime máis a ollar, de novo, para a xente.

Super Bowl

Un día longo e típico nos EE.UU. Comimos costelas de porco afumadas, pan de millo, tomates verdes fritidos e poutine. Bebimos cervexa e cociñamos ás de polo á moda de Buffalo mentras víamos un deporte que non entendíamos. Un gran domingo na compaña de Diego, Ana e o seu fillo Aníbal.

Crock Pot

Animado por Marta e o seu blog de cociña con crock pot, merquei un destes aparellos. Xuntas todos os ingredientes na pota, préndela e deixas cociñar durante horas. É perfecta para a miña microciña e horarios de traballo. Este é o meu primeiro prato.