Archive for November, 2012

Afogar antes de asar

Tuesday, November 27th, 2012

Hai dous veráns, nunha churrascada na praia, metín un polo nunha bolsa con auga de mar e o deixei repousar un par de horas antes de o poñer ao lume. O resultado foi unha peituga moito máis xugosa que o serrín compactado que serven en moitas grelladas.

Aproveitando que tiña que asar un pavo —que non había— para a cea de Thanksgiving, probei de novo a afogar un polo nunha salmoira e comprobar se aquel “polo á praia” fora potra ou se a técnica realmente funciona, que era polo que este pequeno besbello apostaba grazas á sabiduría de Sensei Íñigo. E funcionar, funciona.

Simple e elegante. Paga a pena probalo.

Ingredientes para un polo de dous kilos.
* 4 litros de auga.
* Unha cunca de sal
* Unha cunca de azucre
* Especias, as que vos pete. Eu botei zimbro, pementa de Xamaica, cravo e pementa rosa.

Mesturamos todo e remexemos ben. Deixamos o polo catro horas e logo asamos. Se torras ao pobre bicho como se estivera nun campo de concentración nazi, non perdas o tempo coa salmoira: seguirás comendo madeira.

Teso mellor que flácido: como fritir bacon

Thursday, November 8th, 2012

Tócame bastante os güevos que me digan que en USA non se come ben. Tampouco aturo esa chorrada de que son parvos e ignorantes. É unha cuestión persoal: “your other family”, como me puxera Ann nunha tarxeta de aniversario, sempre me acolleu como non sabemos facelo aquí. E sempre houbo xente interesante ao arredor.

Estiven en tres ocasións cos Morss, dos que gardo lembranzas moi vivas do comer e beber. Unha das mellores é a dos almorzos domingueiros: xarra enorme de zume de laranxa, café e pancakes con salchichas e bacon moi torrado acompañados de sirope de arce artesanal. Alí aprendéronme a apreciar o bacon ben crocante e agora non aguanto as fatias flácidas coas que nos castigan esas bocaterías de cociñeiros por desesperación.

Facelo ben non ten máis truco que ter algo de paciencia. Ou, se cadra, simplemente é saber que se pode facer ben.

Disque o nacionalismo cúrase viaxando [sic]. Eu digo que o que se cura é o bacon mal fritido.

Remato a entrada adicándolla a Mi otra ella e os seus avances co bacon. Que siga así de ben.