Archive for October, 2012

Tortilla de pés de boletus

Monday, October 29th, 2012

María foi á segunda persoa coa que probei os cogumelos silvestres. Vivía no piso de arriba, no meu cuarto e quinto ano estudando en Santiago. Ela, Josefina e Conchi aínda seguen a ser “as veciñas”.

Naqueles dous pisos de Santa Marta 17 xuntábanse dúas das mellores cociñas estudiantís de toda Compostela, cunha despensa xeralmente modesta pero con alegrías periódicas como aqueles boletus edulis cos que apareceu María nunha ocasión (por delicias, que non fora, aínda que non sempre apreciadas: lembro a historia dunha empanada de lamprea que circulou por varias casas antes de acabar no lixo, que daba noxo aquela especia de serpe. Eu, cousa rara, pasaba xusto eses días fora da cidade).

O martes pasado María faloume dunha tortilla de pés de andoas que fai a súa nai. O sábado marchamos aos cogumelos e volvimos cargados de boletus edulis e boletus erythropus moi novos e carnosos. Tiña que probar a facer esa tortilla.

Ingredientes:
- Un par de pés de andoa cortado en rodelas grosas.
- Dous ovos.
- Aceite e sal.
- pó de andoa, se o hai.

1.- Fritimos nun pouco de aceite os pés dos cogumelos durante un par de minutos por cada lado. Retiramos e reservamos.
2.- Batimos os ovos, cun pouco de pó de andoa para dar sabor.
3.- Botamos de novo os cogumelos na tixola, salpementamos e deitamos os ovos enriba.
4.- Deixamos facerse un minuto e damos a volta para que se faga outro minuto máis. Sacamos. Debe quedar como unha tortilla de Betanzos, co ovo pouco callado para poder mollar o pan.

Esta é unha tortilla excelente para comezar un domingo.

Drogas brandas: hash(brown)

Tuesday, October 9th, 2012

Outubro de 1991, nalgunha vila do norte de EE.UU. (pero convencido de que estaba en Arkansas a punto de ser exhiliado a unha granxa de polos durante o curso). Lou Herb, unha muller tan estricta como esférica, levoume a un McDonald’s para almorzar un big breakfast de 740 calorias.

Na bandexa había algo —non moi rico— semellante a unha fatia de pan torrado Ortiz, que con tanto affordance tiven que barrar con manteiga e mermelada. “Uhh, you’re eating your hashbrown with jam. Yuck!”. Fin do primeiro encontro e presentación do vídeo de hoxe:

Riego de Ambrós, 2001. Dez anos despois, Paloma preparar o segundo hashbrown da miña vida. Non o lembro moi sabedeiro, pero foi imposíbel de esquecer con aquel xardín abandonado e a súa cerdeira, recollidos por muros de pedra e silvas e o Teleno ao fondo.

Tardei un tempo en collerlle o truco á receita. Agora, xa dominada, é habitual nos xantorzos dos sábado.

Rala unha pataca grande e fariñenta. Bota sal e deixa repousar. Escorre ben o auga que solte, engade pementa e pasa pola tixola untada con manteiga a lume baixo. Cando estea dourada, unha volta e a dourar pola outra cara.

Con bacon ben torrado e crocante está de escándalo. Ollo, engancha.