Archive for September, 2012

Condimento de uva en tres actos

Sunday, September 30th, 2012

O ano pasado imaxinei un condimento preto e brillante de uvas do Ribeiro mentras paseaba pola beira do Arnoia. Hai tres domingos mesturei uvas con azucre, especias e vinagre e comecei a cocelo; hai dous, continuei coa cocción final e o envasado; hoxe probeino no xantorzo —xantar e almorzo, o que a xente fina chama “brunch”— , sen deixar que repousara os tres meses recomendados. Dá igual, está estupendo.

A este tipo de condimentos, como aos chutneis, cáenlles moi ben ao queixo; e se son de vaca—Comté, Cheddar, Gruyere—, moito mellor .

Ingredientes

Para facer este condimento precisas, máis ou menos:

- 1,5 kg de uvas pretas.
- 400 g de azucre mouro.
- 1/2 vasiño de vinagre de Xerez.
- 1/2 vasiño de vinagre de viño branco.
- 1 cebola picada (opcional).
- 1 dente de allo picado (opcional).
- Zimbro.
- Pementa.
- Caiena.
- Canela.
- Sal.
- 1/2 vaso de viño do Porto.

1) Mésturamos todo, coas especias envoltas nun pano ou boliña metálica para o té, e cocemos durante 2 horas.

2) Cando apenas solte líquido, engadimos o viño, remexemos e deitamos en frascos esterilizados —15 min no forno a 150º—.

3) Damos a volta durante un minuto. Listo.

O outono está de estrea. Son as sete en punto dun serán luminoso e fresco. O corpo pídeme un paseo e merenda con Roquefort moi cremoso, unha garrafa de viño do Porto LBV e este condimento. Saúde!