Archive for December, 2010

Estirando unha trufa

Thursday, December 30th, 2010

Gastrónomos del Ebro organizan un concurso onde se nos pide unha receita a cambio dunha trufa. Imposíbel resistilo.

Como non teño moitas oportunidades de cociñar con este ingrediente, decidín estirala: a unha fiambreira con media ducía de ovos e probar catro receitas en catro días. Todas, agás a escollida para o concurso, foron degustadas con mantel de fío, candelabro e velas, e louza de Bidasoa; os convidados non chegaron en landó, mais pouco faltou.

Consomé de polo con trufa
Démodé total, pero eu estou enganchado a este caldo limpo e dourado.
Consomé con trufa

Wellingtons de boi
Ann’s Signature dish para unha xornada feliz.
IMG_2415

IMG_2417

Ovos á benedictina
Muffins ingleses caseiros, ovos escalfados -os que estiveran xunto as trufas- e un mollo holandés tamén feito na casa, rematado con flocos de trufa. Xantar frugal para coller con ganas a cea de Noiteboa.
IMG_2428

Crema de allo-porros e pataca
Esta é a miña receita seleccionada, que desfrutei vendo unha serie de zombies coa miña compañeira de piso Lucía. Non sei se os pesadelos foron pola enchenta ou polos mortos vivintes.

A receita está baseada na Potato and Leek Soup do libro de cociña do restaurante St. John, substituindo as ostras por trufa. Foi o prato onde máis notei o arrecendo e sabor do fungo; será porque é negro sobre fondo branco?

IMG_2435

ingredientes
- 4 allos porros
- 4 patacas
- 50 gr de manteiga
- media cebola
- 2 dentes de allo
- 600 ml de caldo de polo lixeiro

1) Sudamos os allos porros, cebola e allos na manteiga, cortados miudos.

2) Engadimos a pataca en cubos pequenos e deixamos uns 10 minutos.

3) Engadimos o caldo e cocemos 20 min. Pasamos pola batidora. Salpementamos ao gusto e relamos a trufa.

Bo proveito e feliz 2011!!

O mellor okonomiyaki do mundo

Sunday, December 12th, 2010

Hai uns anos (xa?) Maki e Xulio convidárannos a Ernesto e a min a comer na súa casa. O que comezara cunhas cañas nun mercado do sur de Madrid, rematou nunha comida memorable. Aquel okonomiyaki, naquela casa, somente podía acontecer naquela fin de semana horrible.

A pasada fin de semana fíxeno por primeira vez, seguindo a receita de Okonomiyaki World, pero sei que o de Maki é irrepetíbel.

Ingredientes para catro persoas
- 4 cuncas de repolo cortado fino
- 1 cunca de fariña
- 2/3 cunca de auga
- 2 ovos
- 2 ceboletas
- 1/4 cunca de tenkasu (facémolo fritindo masa de rebozado, feita con fariña e auga moi fría)
- 1/2 cunca de calamares en tiras
- 1/3 cunca de bacon
- Mollo tonkatsu (podemos facelo mesturando 3 culleradas de ketchup, 1 de mollo Worcestershire e 1 culleradiña de mollo de soia)
- Maionesa
- Flocos de alga nori.

1) Mesturamos auga e fariña.

2) Pasamos lixeiramente os calamares pola tixola.

3) Engadimos á masa de fariña e auga as ceboletas picadas, repolo, ovos e tenkasu; mesturamos lixeiramente. Engadimos os calamares.

4) Quencemos unha prancha ou tixola a lume medio-alto e facemos unhas tortas non moi gordas. Deixamos 3 minutos.

5) Botamos un pouco de bacon na cara que está crúa, presionámolo lixeiramente e damos a volta ás tortas. Cociñamos outros tres minutos.

6) Deixamos un par de minutos máis e sacamos ao prato. Botamos maionesa, mollo tonkatsu e alga nori en flocos.

Maki botáralle katsuobushi, algo similar á mojama, que non sei se valería coma substituto; pero por probar, que non quede.

Grazas a Maki, Xulio e Ernesto; e a Silvia e Ramón por darme a escusa para comer de novo okonomiyaki.