Archive for October, 2009

Chutney goes to Hollywood

Friday, October 23rd, 2009

Vivía naquela vila esquecida da costa norte irlandesa desde había 5 meses e tentaba sobrevivir cos poucos cartos do único traballo de media xornada que atopara. Compartía pisos con outros inmigrantes, borrachos de soldo en especias ou aforradores envilecidos pola ilusión dunha vida mellor. El simplemente tentaba fuxir do seu fracaso, pero a distancia facía de lente de aumento e non do muro de pedra que esperara.

A lapa do fracaso, a fame e o frío entumecía a súa mente e ficaba horas ollando para programas de cociña na televisión. No salón, coa lareira sempre apagada, tentaba quencer o corpo coa pucha de lá, a manta, dous pares de calcetíns de montaña e té barato; e quencía o alma coas receitas de Delia Smith e Nigella Lawson.

O inverno irlandés frío, húmido e escuro, o auga-neve, o arrecendo da turba, os menús de supervivencia de leite e donuts de oferta e as curvas de Nigella encheron o seu imaxinario de grandes banquetes anglosaxóns (porque, aínda que estando en Irlanda, a colonización cultural era evidente). Entrefechaba os ollos, botaba a cabeza para atrás e imaxinaba unha lareira ao carón dunha mesa ateigada de Cheddars, Stiltons, Caerphillys, Eccles cakes, pork pies, potas de ferro enchidas de Lancashire hot pot, pan de soda, pan de centeo e pan branco; clotted cream, marmeladas de laranxa, xenxibre e figos confitados; viños amontillados, champañas e sidra seca de York; amorodos e cereixas de Kent e crumbles de abruños e rubarbo con crema inglesa. Con cada programa, esa mesa íase agrandando para dar cabida a novos pratos.

Aquel día especialmente triste, sen recibir correo postal, sen recibir correo electrónico, Delia Smith explicaba como facer o mellor chutnei do mundo con ameixas amargas, cebola, vinagre, allo, azucre, zimbro, canela, pasas e xenxibre. Este mollo agridoce, que precisaba repouso de meses para amansar o vigor do vinagre e atopar a harmonía entre os seus ingredientes, cautivouno. Se cadra porque á súa personalidade bipolar acaíanlle perfectamente as receitas con ingredientes tan contraditorios como o allo e o azucre.

Pechou aínda con máis forza os ollos, desexou estar a miles de kilómetros de alí e prometeuse facer chutnei de ameixas á primeira ocasión que tivera para compartir aquela mesa imaxinada naquel inverno gris do Condado de Donegal.

* se che interesa, a receita deste chutney está na web de Delia Smith.

1º Aniversario de “Por mis fogones”

Wednesday, October 7th, 2009

Semella que a primeira entrada deste blog fica a un mundo de distancia desta última. Moitos cambios persoais teñen acontecido nestes últimos 12 meses: xente nova, xente vella, algúns viñeron para non voltar, outros nunca voltaron, uns sempre estiveron e tamén houbo que chegou para ficar. Facendo a escolma de material, decateime do moito que quedara no disco duro e do ben que o teño pasado con isto.

As razóns de comenzar a publicar este blog foron as miñas teimas coa comida: a experimentación coas cousas sinxelas, as imaxinadas enchentas da fidalguía galega -capóns recheos de ostras e trufas e empadas de tres lampreas- , a casquería, os mercados tradicionais e un xardín de Epicuro alí onde compartamos mantel os amigos (vale, tamén busco un pegamento, un fío vermello ou unha goma elástica de cor verde, pero iso xa é outra historia). Aínda que non dera coa vía de expresión axeitada para estas cismas, teño por diante outro ano máis para tentar soltarme (esa idea tan chea de significado como baleira de instruccións concretas).

Moitas grazas a todos os que pasades por aquí, esas combinacións de IPs, navegadores, sistemas operativos e camiños de chegada, que algúns identifico e outros non. Seguimos adiante.