Archive for September, 2009

Un crumble para @opaco

Monday, September 14th, 2009

De vez en cando aparece por Fisterra e, se hai tempo, tomamos un café. Desta vez repetimos larpeirada aproveitando que aínda quedan moras e teño o xardín cheo de pexegos.

O crumble é un pastel extremadamente sinxelo, inventado durante Segunda Guerra Mundial no Reino Unido, composto por unha capa de froita e outra dunha mestura básica de azucre, manteiga e fariña, á que se lle pode (eu creo que “debe”) engadir froitos secos.

Se o que vos importa da liña é a seua lonxitude, probade esta sobremesa morna e cunhas boas culleradas de crema inglesa, nata montada ou xelado.

Ingredientes
- 750 gr de froita en anacos (pexegos, moras, mazá, etc.)
- Moras
- Azucre

- 200 gr de fariña
- 90 gr de manteiga en cubos
- 60 gr de azúcre
- 75 gr de froitos secos ou copos de avea

Antes de comenzar, encendemos o forno a 180º.

1) Mesturamos a manteiga e a fariña e frotamos cos dedos até que quede coa textura do pan relado groso. Engadimos o azucre e os froitos secos ou a avea.

2) Mesturamos azúcre ao gusto coa froita. Convén que quede un pouco ácedo.

3) Metemos a mestura de froita nun recipiente resistente ao forno. Colocamos a capa da mestura da fariña.

4) Metemos ao forno durante 45m, ou até que a superficie estea dourada.

A aparición estelar do final é del, que ben podería ser modelo de mans.

Non son vexetariano

Sunday, September 6th, 2009

Este verán tiven visita do sur, de Óscar e compañía, que viña con ganas de marisco. Cómpramoslle un lubrigante a Isabel (e unha palometa de kilo e medio fermosísima) que preparei con arroz.

As cuestións morais do vexetarianismo déixanme indiferente, pero partir animais vivos en dous tampouco me resulta especialmente pracenteiro. Comelos xa é outra cousa, pola que ben paga a pena exercer de consumidores terciarios da cadea trófica.

Este é o segundo lubrigante que preparo así. Non é complicado e o único que se precisa é un bo coitelo, decisión e tentar dominar as sensacións desgradabeis que produce, que estou convencido que pasan tras 5 ou 6 animais.

O arroz estaba estupendo.