Archive for July, 2009

Curri de Altamira (e III)

Monday, July 27th, 2009

Curri de Altamira (e III)

O mellor do mercado: o posto das xoubas. Debín comer dúas ducias. Gañáronnos por goleada… moi merecidamente.

Curri de Altamira (II)

Thursday, July 23rd, 2009

Chegou o día de preparar as primeiras 400 racións. Pensamos que o arrecendo a curri ía chegar até á praza do pobo, mais non foi para tanto. Aínda así, confiamos en que a potencia das especias atraia aos incautos no Mercado Medieval de Corcubión.

Pese ao risos, caras de asombro e expresións de noxo (cociñar tanta cantidade satura, especialmente o polo cocido), asegurámosvos que foi feito con cariño e coidado e que, ademáis, está rico.

Xelado de pexego, estilo de Philadelphia

Wednesday, July 22nd, 2009

Hai uns anos pasaba unhas cantas semanas na casa de Ann Morss e familia, en Geneseo. Os veráns na zona dos Finger Lakes son calurosos e húmidos e tiran dos Long Iceland Ice Tea e dos xelados. Durante un tempo foran os Ben&Jerry e Häagen-Dazs, até que remexendo na biblioteca atopamos un vello libro de cociña, de onde sacamos esta receita para non voltar aos xelados comerciais.

O único que temos que facer é conxelar pexego en anacos (ou outra froita; cereixa e amorodo, os meus outros favoritos), quencer nata con vainilla e deixar repousar 12 horas, logo enfríar moito e, finalmente, batir todo xunto con zume de limón e azucre (debemos mesturar ben estes dous últimos ingredientes para que non se noten os granos no resultado final).

Como cada vez son máis como unha avoa e cociño a ollo, déixovos as cantidades aproximadas.

- 2 cuncas de froita conxelada.
- 1 cunca de nata aromatizada con vainilla.
- zume de limón e medio.
- Media cunca de azúcre glass.

Se podedes conseguir extracto de améndoas amargas, botádelle unha pinguiña, que cambia moito o conto. Por desgraza, levo anos sen atopar este extracto.

Nen sequera precisamos xeladeira porque batimos todos os ingredientes moi fríos e xa sae o xelado con textura cremosa. É aconsellábel facelo nunha batidora americana.

Cociñar e comer con Ann sempre foi un pracer e teño un montón de boas lembranzas das que destaco os atracóns de sushi, rodeados de traballadores xaponeses nun restaurante dun parque industrial perto de Rochester, e un día de cacería do raposo seguindo aos xinetes pola campiña irlandesa cunha cuña de Stilton e unha botella de viño do Porto, rachando esa regra que di que o Stilton hai desfrutalo ao xeito inglés, sen mulleres. Eu ía con dúas.

Curri de Altamira (I)

Saturday, July 18th, 2009

A vindeira semana temos en Corcubión mercado medieval, no que vamos montar un posto. Para escándalo dalgúns puristas, mesturaremos tomates, vestidos morunos, billas de cervexa, receitas proletarias inglesas vindas das ex-colonias e vender todo como comida punjabi.

Curri de Altamira (I)

Precisaremos 22 kg de peituga cocida, 25 kg de salsa de tomate, 10 kg de cebola, 1/2 kg de curri, 15 kg de arroz basmati e moita paciencia para preparar 600 racións que me van deixar un arrecendo do máis exótico acompanándome até que remate o verán.

E tamén traeremos un viño estupendo da Ribeira Sacra, dunha adega a piques de abrir, cunha mestura de uvas ben curiosa.

Tarta de cereixa e améndoa

Wednesday, July 15th, 2009

Aclaración: pode que recibas esta entrada dúas veces, pero o servidor onde se aloxa este blog cascou e se perdeu esta entrada. Por sorte, a cache de Google permitiume recuperar o que escribira :)

Estes dous sabores mesturados lémbranme a Holland Park Avenue, cando probei por primeira vez esta tarta, da que gostei moito. A améndoa e as cereixas, aínda que doces, teñen un toque amargo que combinado fan doces merecedores da mesa do Tropicalista máis orgulloso.

Tarta de cereixa e améndoas

Nas vacacións, cando eramos cativos, a mesa do porche enchíase de cuncas con auga fresca e cereixas. A miña irmá Uxía e mais eu pendurabamos os acios das orellas, a modo de pendentes, sen que os meus pais dixeran nada por este xogo tan pouco masculino (tampouco agora se escandalizan cando Roi, o seu neto, lles pide unha cociña como agasallo de Reis). Os recordos da calor, o son repetitivo do aspersor que o meu pai prendía durante o xantar e as cereixas frescas contra a pel son recordos que fan que siga gostando da froita tal cal, aínda que de vez en cando goste de probar receitas como esta tarta.

Ingredientes
- Masa quebrada
- Cereixas sen carabuña
Para a crema de améndoas:
- 65 gr de manteiga
- 85 gr de azucre glass
- 5 gr de maicena
- 85 gr de améndoa moída
- 1 ovo
- 100 ml de nata agria.

1) Forneamos a masa a 180ºC durante 18 minutos.

2) Mentras, nun recipiente grande, traballamos a manteiga en anacos, suavemente.

3) Mesturamos ben azucre, maicena e améndoas e engadimos á manteiga. Remexemos até ter unha masa homoxénea.

4) Engadimos o ovo e volvemos mesturar ben.

5) Engadimos a nata agria e remexemos até que se incorpore completamente. Tapamos e reservamos na neveira.

6) Sacamos a masa do forno e, cando estea morna, botamos a crema. Colocamos as cereixas enriba.

7) Forneamos a tarta durante media hora a 180ºC. Sacamos do forno e deixamos enfriar.

Grazas a Colineta entereime que antigamente as primeiras cereixas comíanse polo San Xoán. Aínda que estas foran cociñadas, fixeron boa compaña ás sardiñas e ás tortillas de tres casas distintas.