Archive for the ‘Ollos rasgados’ Category

Polo con arroz (鸡肉煲仔饭)

Thursday, March 1st, 2018

Primeiro guiso chinés que probo. Até agora as receitas deste país sempre foran refogados rápidos ou sopas (semella que os guisos teñen fronteira no Himalaia, cos curris de Pakistán, India e Bangladesh). Para un occidental ten o sabor exótico do aceite de sésamo e a soia, pero nótase que é unha receita chinesa de diario. Pode poñerse a uns convidados, pero sería como se alguén de Tokio preparara unha cea especial a base de filetes con patacas.

Ingredientes

Para o polo marinado:
* 400 g de zanco de polo cortado en anacos
* 1 cullerada de mollo de soia
* 1 culleradiña de aceite de sésamo
* 1 culleradiña de azucre
* 1 culleradiña de viño de arroz ou de xerez
* 1 culleradiña de mollo de ostras

Para o arroz
* 2 cuncas de arroz longo ben lavado e escorrido
* 4 ou 5 cogumelos secos rehidratados
* 1 culleradiña de xenxibre picado moi finamente
* fuet cortado en rodelas finas (como substituto das salchichas chinesas lap cheong)

1. Deixa o polo marinando durante un mínimo de media hora.
2. Quence un chisco de aceite nunha pota de ferro fundido ou de barro onde botas o arroz. Remexe até que estea transparente.
3. Bota auga até cobrer o arroz con dous cm de líquido.
4. Ferve até que se evapore o líquido e vexas pequenos cráteres na superficie do arroz. Bota o polo, xenxibre e cogumelos, premendo para introducilos dentro do arroz. Coloca as fatias de fuet por enriba, tapa e coce a lume baixo durante 20 minutos.
5. Abre, remexe cun garfo, cobre de novo e coce durante 15 minutos máis.
6. Serve con cebola fritida e ceboletas frescas picadas miúdas.