Archive for the ‘Videos’ Category

Carbonara esencialista

Sunday, January 24th, 2010

Foi un inverno frío, con temperaturas de até 16ºC baixo cero, pachangas de hockey nas lagoas -sempre cun termo de café quente- e moitas noites de esquí nunha pequena estación familiar. De camiño a casa adoitabamos parar no Vila Carlo, un restaurante italiano pequerrecho cunhas lentellas e uns ziti carbonara memorabeis.

Os carbonara posteriores foron estragadas sistematicamente, en casas e restaurantes (sen queixa do primeiro, que o importante é a hospitalidade), con nata, cebola, cogumelos, carne picada e outros aderezos innecesarios. Aquí sigo o camiño contrario, reducindo ingredientes até o mínimo indispensábel: xemas de ovo, touciño crocante, parmesano e pementa. Somente me falta o frío e a compañía.

Ingredientes
Xemas de ovo
Parmesano relado
Pementa negra recén moída
Touciño en tiriñas, fritido até que quede crocante

1) Poñemos a cocer a pasta.

2) Mesturamos as xemas de ovo, o Parmesano e a pementa.

3) Escorremos a pasta, unha vez cocida, e reservamos un chisco de auga de cocción.

4) Botamos a pasta quente nun recipiente, engadimos a mestura do ovos e queixo, o touciño e un pouco de auga de cocción. Remexemos e servimos.

@panepanna recomenda utilizar guanciale, papada de porco curada, mais é difícil de atopar. Tentarei convencer ao meu caseiro para preparar o rocho como sala de curación.

Bocata de Reis

Thursday, January 7th, 2010

O roscón amoréase na cociña, hai touciño na neveira. A graxa e o azucre lévanse demasiado ben como para non tentalo: frito uns anacos de touciño para metelos entre dous anacos de Roscón de Reis. Agora entendo mellor a torta de rixóns.

As croquetas insalvabeis

Tuesday, January 5th, 2010

Na miña familia sempre gostaron as croquetas de polo da miña avoa Olimpia. A min non; facendo aqueles arroces con bacallau e perdices en pepitoria, por que me ía fixar nas croquetas desa carne tan aburrida? e digo aburrida porque cando estamos enfermos recomendan non beber viño, non comer con sal, menos touciño e tomar peituga de polo á prancha. E así son as croquetas deste animal, que pode chegar a ser unha beleza cando é guisado con moita cebola, insulsas como un menú para convelecentes.

Pero resulta que tiña algo de caldo moi concentrado e pensei que podería mellorar unhas croquetas

Saquei dúas cousas en claro desta receita: as croquetas, de xamón, cocido, bacallau ou marisco; o pan relado, mellor o caseiro: collemos unha bola resesa, cortamos en anaquiños e pasamos pola picadora até que quede en flocos pequenos.

Welsh Rarebit

Monday, December 28th, 2009

Pasei os meus primeiros días en Londres na casa de Noëla e Ben, onde preparei esta torrada de queixo galesa. Fergus Henderson di que sempre foi sobremesa, con vaso de vinho do Porto obrigatorio. É un xeito glorioso de rematar unha comida.

Ingredientes
1 cullerada de manteiga
1 cullerada de fariña
1 culleradiña de mostarda en po
1 chorro xeneroso de salsa Worcestershire
1 chisco de caiena
1/2 vaso de Stout
500 gr de Cheddar curado e relado, ou outro queixo de vaca con carácter, a temperatura ambiente.

1) Douramos a fariña na manteiga até que colla unha bonita cor marrón.

2) Engadimos a mostarda, a salsa worcestershire, a caiena e a cervexa. Mesturamos ben.

3) Tiramos do lume e engadimos o queixo e remexemos até que se derrita. Debe quedar unha pasta lisa e brillante. Deixamos enfriar.

4) Untar sobre torradas de bo pan e dourar baixo o grill. Abre o Vintage.

Os deseños de Noëla

Un día vin unha ligazón no chat e fun curiosear nos seus mandís e luvas de forno. Creo que despois destas festas o que máis me vai prestar vai ser un coxín para botar unha soneca de balea.

De El Caserío me fío… a medias

Thursday, December 3rd, 2009

Para as miñas irmáns e para min este é un sabor de infancia, que comiamos cos spaguetti con mollo caseiro de tomate e bonito. A miña nai non fai a pasta ao dente e sempre vai enchoupada en tomate. Desde pequeno tratei de secar tanto líquido utilizando este queixo como o serrín das tascas. Se cadra Javier, o meu cuñado, non está tan equivocado.

Desconfío de cando as grandes empresas meten os fuciños na alimentanción porque case nunca se fixan na calidade do que comemos. O marketing adoita tirar por outros lados, como nesta ocasión, onde unha magnífica bolsa pode manterse en pé se a axitamos un pouquiño. Ten un premio á innovación. Somente falta escoitar “creatividade”.

Porque é un sabor de infancia…

Dúbidas e xoubas

Tuesday, December 1st, 2009

Aínda que creo que xa sei por onde vou tirar, non teño moi claro como vou chegar ao que quero con isto. O tono sería moi similar ao de Ibán, que descontando os blogs dos meus amigos, é o meu favorito por cercano e anglófilo.

O que cociño neste vídeo non ten nada de especial, en canto a técnica, pero sintetiza o gorentoso en catro ingredientes -xoubas, sal, fariña e aceite- e tres condicións: o peixe pequeno e moi fresco, fritilo e comelo da cabeza á cola e abrir unha botella de viño para beber e comer en boa compañía.

Pastel de cacao e laranxa para Nicolás

Thursday, November 26th, 2009

Sigo a darlle voltas ao formato dos vídeos, sen atopar unha fórmula que me convenza. Parte da culpa tela ti, que me tes dito que che parece ben o que fago, que é moi cercano. Como son voluble de espíritu e feble ánimo, fas que perda toda determinación para buscar novos plantexamentos. Pero tamén son orgulloso, e se dixen que cambio, cambio. Pode que un reality show sexa o que busco porque, no fondo, o meu desfrute na cociña está no día a día. Sigo a darlle voltas…

O pasado 24 de novembro foi o cumpreanos do meu sobriño Nicolás e aproveitamos a ocasión, Roi e mais eu, para prepararlle o pastel de cacao e laranxa de Gordales con guindillas. Esta é unha combinación clásica. Tan clásica, que dan ganas de tomar o afternoon tea.

1º Aniversario de “Por mis fogones”

Wednesday, October 7th, 2009

Semella que a primeira entrada deste blog fica a un mundo de distancia desta última. Moitos cambios persoais teñen acontecido nestes últimos 12 meses: xente nova, xente vella, algúns viñeron para non voltar, outros nunca voltaron, uns sempre estiveron e tamén houbo que chegou para ficar. Facendo a escolma de material, decateime do moito que quedara no disco duro e do ben que o teño pasado con isto.

As razóns de comenzar a publicar este blog foron as miñas teimas coa comida: a experimentación coas cousas sinxelas, as imaxinadas enchentas da fidalguía galega -capóns recheos de ostras e trufas e empadas de tres lampreas- , a casquería, os mercados tradicionais e un xardín de Epicuro alí onde compartamos mantel os amigos (vale, tamén busco un pegamento, un fío vermello ou unha goma elástica de cor verde, pero iso xa é outra historia). Aínda que non dera coa vía de expresión axeitada para estas cismas, teño por diante outro ano máis para tentar soltarme (esa idea tan chea de significado como baleira de instruccións concretas).

Moitas grazas a todos os que pasades por aquí, esas combinacións de IPs, navegadores, sistemas operativos e camiños de chegada, que algúns identifico e outros non. Seguimos adiante.

Un crumble para @opaco

Monday, September 14th, 2009

De vez en cando aparece por Fisterra e, se hai tempo, tomamos un café. Desta vez repetimos larpeirada aproveitando que aínda quedan moras e teño o xardín cheo de pexegos.

O crumble é un pastel extremadamente sinxelo, inventado durante Segunda Guerra Mundial no Reino Unido, composto por unha capa de froita e outra dunha mestura básica de azucre, manteiga e fariña, á que se lle pode (eu creo que “debe”) engadir froitos secos.

Se o que vos importa da liña é a seua lonxitude, probade esta sobremesa morna e cunhas boas culleradas de crema inglesa, nata montada ou xelado.

Ingredientes
- 750 gr de froita en anacos (pexegos, moras, mazá, etc.)
- Moras
- Azucre

- 200 gr de fariña
- 90 gr de manteiga en cubos
- 60 gr de azúcre
- 75 gr de froitos secos ou copos de avea

Antes de comenzar, encendemos o forno a 180º.

1) Mesturamos a manteiga e a fariña e frotamos cos dedos até que quede coa textura do pan relado groso. Engadimos o azucre e os froitos secos ou a avea.

2) Mesturamos azúcre ao gusto coa froita. Convén que quede un pouco ácedo.

3) Metemos a mestura de froita nun recipiente resistente ao forno. Colocamos a capa da mestura da fariña.

4) Metemos ao forno durante 45m, ou até que a superficie estea dourada.

A aparición estelar do final é del, que ben podería ser modelo de mans.

Non son vexetariano

Sunday, September 6th, 2009

Este verán tiven visita do sur, de Óscar e compañía, que viña con ganas de marisco. Cómpramoslle un lubrigante a Isabel (e unha palometa de kilo e medio fermosísima) que preparei con arroz.

As cuestións morais do vexetarianismo déixanme indiferente, pero partir animais vivos en dous tampouco me resulta especialmente pracenteiro. Comelos xa é outra cousa, pola que ben paga a pena exercer de consumidores terciarios da cadea trófica.

Este é o segundo lubrigante que preparo así. Non é complicado e o único que se precisa é un bo coitelo, decisión e tentar dominar as sensacións desgradabeis que produce, que estou convencido que pasan tras 5 ou 6 animais.

O arroz estaba estupendo.